O proxecto

Serie documental na que o escritor e xornalista Diego Giráldez conversa coas escritoras Arantza Portabales, Inma López Silva, María Solar e Ledicia Costas sobre a escrita e as súas traxectorias.

De Letras e Galegas: A literatura galega sempre lle debeu moito ás mulleres. Pero neste novo século, o paso adiante das mulleres nas nosas letras xa non é unha moda ou un asunto temporal. Chegaron ao asalto, para quedar na primeira liña. A través dunha serie de entrevistas persoais, coñeceremos algo máis das súas personalidades, os seus estilos, as súas influencias. Xuntas, atesouran milleiros de libros vendidos. Con xéneros que van dende o infantil, ata a novela negra ou o ensaio. As súas obras lograron algo ben dificil no mundo da literatura: gañar o favor do público e da crítica e o sector. Todas elas loitaron por facerse un oco nun mundo que as miraba diferente por 2 razóns: Ser muller e escribir en Galego.

Obra realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

As conversas

Inma López Silva

A prosa de Inma López Silva é unha grande serpe enrolada que non durme. Baixo os seus renglóns, que son escamas, hai unha pel subxacente que de cando en vez aparece para sobrecoller aos seus deprededadores. E todo ordeado baixo o patrón dunhas medias enreixadas e un par de notas de Cole Porter. Coma se todo estivese escrito nun bar ruidoso ateigado de fume e camareiros con esmoquin. 

Existen incautos que tentan lembrar todo o tempo o día exacto que comezaron un libro. Cos de Inma non terán por que. Quedan dentro e volven. Sempre están aquí. Vivos ou reencarnados. Elegantes. Incisivos. Exactos. 

Inma é dura como as máquinas. Lembro que é así dende que lin Memoria de cidades sen luz. Paso de dicirlles cando.

(Texto de Diego Giráldez)

María Solar

Solar nunca se rinde. Sabe que o máis interesante da literatura é ir dándolle voltas a un globo terráqueo con luz para poder ver que lle cae dos petos aos seus habitantes. Sempre se amarra a historias extraordinarias. María aproveita calquera despiste para convertelo en libro.

Coñezo a María dende a coincidencia das horas roubadas. Lembro ler libros dela na praia, co mar saltando e a a xente activa, igual que nos seus argumentos. Porque Solar é a contadora de historias vivas. Que colean. Esa é a súa mellor técnica. A vida é o seu mellor estilo.

Os libros de María Solar están prescritos para fortalecer o organismo.

(Texto de Diego Giráldez)

 

Arantza Portabales

Arantza Portabales só escribe o que sabe que abre as portas do estómago. Cada letra móllase no líquido gástrico para subir de novo á gorxa irritando o esófago. Os seus libros proen porque nacen da verdade. Aínda que mintan. Porque Portabales minte cunha sinceridade que intriga.

Escribe cando conduce e canta Turnedo coas ventás do coche abertas; cando fotografía un zapato e pide desculpas por servirche un vaso de auga asquerosamente limpa. Escribe correndo tras das feridas que non curarán nunca.

Eu prometinlle un día que volvería a “Beleza vermella” todos os veráns, igual que fago con moitos libros que me fan convivir coa verdade, tan insoportable, que ela me obriga a mastigar con mestría.

(Texto de Diego Giráldez)

Ledicia Costas

Jim Henson dixo que, cando era mozo, a súa ambición era ser unha desas persoas que deixan no mundo algo diferente. Sobre algo así debe estar modelado o feitizo de Ledicia Costas. Conseguiu que todos os seus libros estoupen no cerebro igual que o Peta Zeta na lingua.
Semella que todo o que escribe son miles de luzes acesas. Non estou tan seguro. Na contaxiosa maxinación de Ledicia hai sempre unha fina capa de escuridade -ese “animal perverso”- que converte cada un dos mundos que constrúe en lugares extraños pero recoñecibles en soños. Unha escuridade bendita e transparente combinada con toda esa luz natural.
Sobre un dos andeis da súa biblioteca vixía o salón un Cascanoces que, teño para min, ten embruxada toda a vivenda. Dende a visita, eu non volvín a ser o mesmo.

(Texto de Diego Giráldez)

O equipo

Diego Giráldez

Diego Giráldez (O Porriño, 1976). Exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra ou Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País.
Na actualidade, colabora no diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e ten escrito diversos libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.
En 2016, publicou “Galería de saldos”, o seu primeiro traballo literario de narrativa, da man da editorial Xerais. Este libro de relatos curtos, valeulle o aplauso unánime de crítica e público, sendo elixido “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, publica con Galaxia a súa novela “Hotel para coleccionistas discretos” e colabora cos seus relatos en varias obras colectivas, da man da mesma editorial (A secreta melancolía da garza, O libro dos trens, Vigo XXII, unha ollada ao futuro).
En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto; en 2015, fíxose co primeiro accésit do Certámen Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e un ano despois gañaba o premio literario “Manuel Murguía.

Antón Veiga

Publicista de profesión e creador de contidos por vocacións.

No 2020 estreou “Para sempre, Malévich“, curta que adaptaba os relatos do primeiro libro de Giráldez, onde nace esta colaboración. A curta foi galardoada como mellor curta do ano no certame internacional de cinema inclusivo We Cam Fest de Colombia. E finalista no VIIFF de Cinema Inclusivo de Vigo na edición do 2020.

No campo da publicidade ten dirixido campañas para marcas dentro de Galicia como Rectoral de Amandi, Kiwi Atlántico, Enerxía Galega Máis ou Aceites Abril.

Mateo Hernández

Fotografo e director de fotografía en programas de televisión e contidos publicitarios.

Abriu a súa primeira exposición individual no “Fuck this studio” de Vigo no 2020.

Director de fotografía na Curta “Para sempre, Malévich”, e protagonista da serie documental “Obxectivo en Galicia”, onde traballou man a man con referentes da fotografía en Galicia como Ricardo Grobas, Kiko Arcas, Janita Lafuente, Aitana Tobio e Claudia Silva.